Brise-Glace
Jean Rouch, Raoul Ruiz, Titte Törnroth, 1987
90'. DCP. Subt. Castelán
Brise-Glace
(Francia, Suecia, 1987)
Dirección: Jean Rouch, Raoul Ruiz, Titte Törnroth. Fotografía: Patrice Cologne, Andra Lasmanis, Jean Rouch. Montaxe: Jean Ravel, Valeria Sarmiento. Dur: 90'.
Alén dunha longametraxe, Brise-Glace foi en 1987 a primeira composición de medios audiovisuais, construción de obras que poñen en xogo os principais medios de expresión. Bateau Givre (35') de Jean Rouch, asume os principios do cinema directo. Rouch descobre coa cámara, sen o artificio dun comentario, sen a axuda dunha linguaxe de apoio, os traballos e os días dun rompexeos e os homes que serven nel. Hans Majestäts Statsisbrytaren Frej, de Titte Törnroth (20'), ofrece unha segunda aproximación, onde os personaxes, que adquiriran con Rouch unha misteriosa presenza, evocan o seu traballo, as súas emocións, tanto nas súas actividades coma nos seus momentos de descanso. Este filme responde as preguntas deixadas en suspenso no precedente. Histories de glace, de Raoul Ruiz (34'), cando o espectador pensa ter visitado xa unha realidade que deveu familiar, faina bascular nunha abundancia de ficcións; tres historias técense neste filme fantástico en que o xeo xoga un papel central, en que o rompexeos devén un estraño navío errante nos confíns do mundo. Brise-glace é unha operación multimedia do Ministerio de Asuntos Estranxeiros de Francia. Componse de obras orixinais con materiais recollidos no rompexeos Frej, da mariña sueca, en marzo de 1986.