
Zhang Yimou
Del 29 de octubre de 1992 al 10 de noviembre de 1992
Con tan só catro longametraxes, Zhang Yimou tense convertido no director máis laureado do cine chinés. Os distintos premios acadados en festivais como os de Berlín (1988) ou Venecia (1991 e 1992) fan deste aínda xove realizador (nacido en 1950) o estandarte da chamada "quinta xeración" do cine da República Popular China, a mesma que agrupa a directores como Chen Kaige ou Xie Jing, entre outros, diplomados todos eles en 1982 na escola de cine de Beijing.
Zhang Yimou iniciouse como director de fotografía en películas dalgúns destes compañeiros xeracionais: Un e oito (Yang Yumzao, 1982), Terra amarela e A gran parada (Chen Kaige, 1984 e 1985, respectivamente), ou O vello pozo (Wu Tiang Ming, 1987), onde tamén encarnou ó protagonista da película, constituiron os seus principais avales á hora de dar o salto á realización. Este tivo lugar nese mesmo ano de 1987 coa rodaxe de Hong Gaoliang (Sorgo vermello), primeiro premio no Festival de Berlin.
Sorgo vermello ten xa como protagonista a quen se convertirá na musa indiscutible do cine de Zhang Yimou, Gong Li. De recoñecida inspiración autobiográfica, a película está inspirada na vida a súa avoa, esta inusual "ópera prima"' está ambientada entre os anos vinte e trinta, nos tempos da invasión xaponesa. Como ben poderia agardarse provindo dun antigo fotógrafo, Sorgo vermello destaca pola súa gran plasticidade e polas súas declaradas ambicións poéticas, que enlazan a Yimou coa tradición do cine xaponés.
A apaixoada utilización dunha paleta cromática que por momentos pode lembra-las exaltadas tonalidades dun Minelli, xunto ó rostro de Gong Li, conflúen de novo na súa segunda longametraxe, Ju Dou (Semente de Crisantemo), realizada en 1990. Ambientada outra vez no pasado, Ju Dou relata os amores entre unha xove, casada cun sádico vello propietario dunha tintorería, e o sinxelo empregado deste. E posible recoñecer aquí a tradición do melodrama criminal ocidental (os ecos de "O carteiro sempre chama dúas veces" son inconfundibles), pero tamizada por una sensualidade e un lirismo de inequívoca raigame oriental.
Con Dahong Denglong Gaogao Gua (A linterna vermella), unha coproducción de 1991 entre China, Hong Kong e Taiwan, Zhang Yimou volveu acadar un novo premio, esta vez un León de Prata no Festival de Venecia. Gong Li encarna agora a unha concubina, novamente unha muller infelizmente casada, que se sinte incapaz de transgredi-las vellas tradicións do seu pobo. O melodrama e o pictoricismo, que asoma xa desde o mesmo título, danse a man no filme que constitúe a quintaesencia do estilo de Yimou: os sentimentos sempre a flor de pel, un lirismo contido que desencadea unha explosión cromática que adopta as tonalidades da paixón.
A historia de Qiu Ju (1992) ven de acadar hai poucas datas o primeiro premio en Venecia, festival que tamén recoñeceu a labor de Gong Li, na súa cuarta colaboración consecutiva con Zhang Yimou, galardo-ándoa co premio á mellor actriz. Esta nova película sitúa ó seu director como unha das figuras indiscutibles, non xa da cinematografia chinesa, senón tamén da mundial.
O Centro Galego de Artes da Imaxe quere homenaxear a Zhang Yimou coa proxección da película inaugural do novo cine chinés, Terra amarela, fotografiada por el mesmo, e coas súas tres primeiras longametraxes, Sorgo vermello, Semente de Crisantemo e A linterna vermella.

Sorgo rojo

Ju Dou: Semilla de crisantemo

La linterna roja
