Nos límites da realidade. Cine documental en España
Del 21 de febrero de 1994 al 11 de marzo de 1994
O ciclo «Nos límites da realidade. Cine documental en España» agrupa algúns títulos de recente producción que recuperan un xénero de non moita raigame no cine español, pero que, trala súa particular idade de ouro durante a transición política, parecía relegado por sempre ó formato televisivo. Navegando nesa difusa fronteira que separa a ficción da realidade, a non-ficción, o documental constituiu sempre, en función da súa diversidade, un dos xéneros máis dificis de definir, ata o punto de que algúns, na medida en que todo relato articula unha ficción, negan mesmo a súa existencia. Empezando por Innisfree e terminando por El sol del membrillo, quizá os dous títulos de máis sona, esta panoramica é sintomática desa variedade da que falamos. Se a película de José Luis Guerín, unha indagación na memoria colectiva dos habitantes das paraxes irlandesas onde John Ford rodou en 1952 O home tranquilo, inscríbese na tradición documental de Flaherty, a de Carlos Saura, Sevillanas, representa o achegamento ó documental máis puro: non existe narra-ción propiamente dita, simplemente unha sucesión de números musicais que a cámara recolle sen mediar ningunha disculpa argumental ou explicativa. La última frontera, pola súa contra; sitúase a medio camiño entre o documental e a reconstrucción dramática. Manuel Cussó mixtura xéneros e formatos co fin de se achegar ós derradeiros días do filósofo alemán Walter Benjamin.
La memoria del agua, gañadora o ano pasado do premio Joris Ivens no Festival de Cine Documental de Amsterdam, representa o caso máis singular en tanto só posúe un fragmento documental, incluído estructuralmente nos secuencias argumentais do film, extraído de imaxes de arquivo de Campos de Concentración. El encargo del cazador, unha producción en 16mm de TVE aínda non emitida desde a súa realización en 1990, xira en torno á personalidade do desaparecido director catalán Jacinto Esteva, mixturando anacos das súas derradeiras filmacións coas declaracións das persoas que o coñeceron. Por último, El sol del membrillo representa un achegamento á pintura de Antonio López e, máis alá, unha profunda reflexión sobre o propio estatuto das imaxes nuns tempos de hiperinflación audiovisual. O retorno de Víctor Erice á realización tras case dez anos de silencio foi correspondido con numerosos premios internacionais, entre eles un Premio do Xurado no Festival de Cannes de 1992.