A semana de Jacques Rivette
Del 18 de abril de 1994 al 22 de abril de 1994
Nacido en Rouen en 1928, Rivette comenzou a súa relación co cine colaborando en «Cahiers du Cinéma» entre 1953 e 1969. Xunto a Eric Rohmer, Jean-Luc Godard e François Truffaut formou a chamada «banda dos catro».
A súa primeira longametraxe data de 1958 (Paris nous appartient). Con a seguinte, Suzanne Simonin, La Religeuse de Denis Diderot (1966), coñeceu os rigores da censura francesa. Esta era tamén a primeira das súas persoais adaptacións literarias, estratexia que repetiría no caso de Hurlevent (1985), sobre Emily Brönte, e de La belle noiseuse (1990), inspirada en Balzac. Ata o momento ten dirixidas 14 longametraxes (aparte de varias curtametraxes, así como algúns programas de televisión), moitas delas cunha duración que excede as convencións do cine comercial, o que imposibilitou a súa correcta distribución. Por exemplo, L'Amour fou (1968) dura 4 horas e 10 minutos, pero Out One: Noli me tangere (1971) chega as 12 horas e 40 minutos. Por eso non debe estrañar a lonxitude de La belle noiseuse (película da que se fixo, ó igual que no caso de Out One, unha versión reducida que leva ó subtítulo de Divertimento). Na «Semana de Jacques Rivette» poderemos ver tamén: Celine et Julie vont en bateau (1974), Le Pont du Nord (1980) e L'Amour par terre (1983).
As características principais do cine de Rivette poden rastrearse perfectamente nestas catro películas. No artigo «As aventuras da ficción» (incluido no catálogo sobre Jacques Rivette publicado pola Filmoteca Española e pola Filmoteca da Generalitat Valenciana), Marc Chevrie consideraba o universo dos seus primeiros títulos conformado polas ideas de teatro, complot e laberinto. Universo que pronto se faría cun método de traballo: o da non premeditación. Esto implicaría que as estructuras dos films de Rivette virían regradas polo azar, como si dun xogo se tratase. De aí a complexidade duns argumentos laberínticos nos que son frecuentes as citas literarias, teatrais ou pictóricas: o tema do film-dentro-do-film que aparece en Celine et Julie... está tomada de Henry James, en La bande des quatre xa se cita o cadro que inspirará La belle noiseuse, os ensaios teatráis que aparecen en varias películas... Sen embargo a súa posta en escea renuncia a calquer tipo de retórica: é como se Eric Rohmer adaptase a Borges. Ou como dí Marc Chevrie: «unha película de Jacques Rivette é un xogo de nenos».
Jacques Rivette remata de estrear a súa película en dúas partes Jean La Pucelle, sobre Xoana de Arco.