María Casares
Del 16 de noviembre de 2002 al 23 de noviembre de 2002
Nacida na Coruña en 1922 e falecida en París en 1996, María Victoria Casares Pérez, filla do avogado e xefe do goberno da República en xullo de 1936 Santiago Casares Quiroga, exíliase en Francia trala sublevación militar e só retornará a España, episodicamente e por motivos laborais, trala morte do xeneral Franco.
A súa formación como actriz teatral -a actividade central e máis destacada da súa carreira interpretativa- é, por isto, netamente francesa (Conservatorio de Actores, cursos privados de René Simon, clases de madame Bauer-Thérond...), pero como con extraordinaria nitidez deixa ver o seu excepcional volume de memorias (Residente privilegiada, publicado orixinalmente en francés en 1980 e traducido ao castelán por Argos Vergara ao ano seguinte), as 'imaxes' fortes da Galicia perdida (A Coruña, Montrove...), a presencia materna e a poderosa e contradictoria figura paterna, o ensino laico e liberal recibido no Madrid republicano, a dor indescritible da Guerra e mais a traumática experiencia do exilio marcaron a lume a súa personalidade e contribuíron a cicelar o seu inesquecible rostro.
A súa traxectoria cinematográfica, menos coñecida e subsidiaria con respecto á teatral e á que por vez primeira se dedica un estudio monográfico, comeza nembargantes cun dos títulos máis importantes da historia do cine francés (Les enfants du paradis-Marcel Carné, 1943-1945-) e continúa con obras transcendentais en filmografías tan relevantes como as de Robert Bresson (Les dames du Bois de Boulogne, 1945) ou de Jean Cocteau (Orphée, 1950; Le testament d'Orphée, 1960). Tras este último, Casares apartarase do cinema durante case vinte anos, reservando para os escenarios o seu inmenso talento, pero aínda retornará para participar en filmes como La lectrice (Michel Deville, 1988), a española Monte bajo (Julián Esteban Rivera, 1989) ou Someone Else's America (Goran Paskaljevic, 1995).
Da introdución de Entre o exilio e o reino. María Casares, unha actriz fronte á cámara, José Luis Castro de Paz, Jaime J. Pena Pérez (coord.), ed. Xunta de Galicia (2002), publicación que acompañou ao ciclo sobre a actriz coruñesa no Festival Internacional de Cine de Ourense e no Centro Galego de Artes da Imaxe ese mesmo ano.
Agradecementos: Alliance Française (A Coruña).