Homenaxe a Punto de Vista (I)
Del 10 de enero de 2012 al 29 de febrero de 2012
En colaboración con: Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista.
O pasado 15 de setembro os recortes económicos parecían rematar abruptamente co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, un proxecto presidido polo rigor, a austeridade, o prestixio (mesmo foráneo) e os moitos riscos artísticos plantexados desde a súa programación, nese momento intensamente implicada nos preparativos -febreiro de 2012- da súa octava edición. A ameaza de suspensión por unha vez viuse desbordada polas entusiastas reaccións acontecidas nos días seguintes, a repercusión mediática e as moitas voces en defensa da proposta, as palabras ben escollidas por parte dos profesionais responsables do certame. Como consecuencia, Punto de Vista prosegue a súa labor e devén en cita bianual mais sen conceder pausas. Neste ano 2012, entre o 22 e o 25 de febreiro, organízase un Seminario Internacional con dúas retrospectivas (Amir Muhammad e Sylvain George) que seguen a liña de revisión de autores comprometidos, reflexivos e críticos tan propia do certame máis a presenza dos prometedores proxectos de X Films. No ano 2013 voltará o festival coa estrutura habitual. O CGAI, colaborador nas edicións anteriores de Punto de Vista, fai unha homenaxe a este proxecto (seguido na programación de marzo dunha escolma de títulos pertencentes ao Seminario) cunha selección de títulos da edición 2011, o repertorio de premiados máis a película española True Love, unha das sorpresas do festival: Gran Premio (Foreign Parts de Jean-Paul Sniadecki e Verena Paravel); Jean Vigo á mellor dirección con The Arbor de Clio Barnard; Premio do Público á española Color perro que huye de Andrés Duque e as mencións especiais concedidas ao filme portugués 48 de Susana de Sousa Dias e á francobelga Ici-bas de Comes Chahbazian.
Agradecementos: Jean-Paul Sniadecki, Verena Paravel, Andrés Duque, Ión de Sosa, Susana de Sousa Dias, Comes Chahbazian, Matière Première, Tracy O’Riordan, INAAC, Josetxo Cerdán.