Edward Yang (I)
Del 1 de mayo de 2008 al 31 de mayo de 2008
En colaboración con Donostia Kultura, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca Española.
Completa retrospectiva sobre o recentemente finado cineasta taiwanés Edward Yang que se prolongará durante o mes de xuño. A publicación “Nosferatu”, agora en formato libro, dedícalle o seu segundo número.
A carreira de Edward Yang (Shangai, 1947-Los Ángeles, 2007) podería verse como un anticipo do proceso de internacionalización vivido por outros cineastas asiáticos que, consagrados a finais dos oitenta e ao longo dos noventa, deron o salto ás coproducións internacionais. Podería verse así, se non fose porque a súa traxectoria desenvolve o camiño inverso, aínda que as súas películas son taiwanesas. Nada máis lonxe dunha carreira lineal ou estudada para conseguir ser aceptado en occidente e no seu exclusivo circuíto de festivais que a de Edward Yang. Tras tanta incomprensión, coa súa última película, Yi Yi (2000), obtivo o recoñecemento da crítica e do público internacional. A fatalidade da loita contra unha longa enfermidade privounos de máis películas.
A súa traxectoria é a historia dun desarraigo, dun exilio permanente. Nado en Shanghai, despois da vitoria comunista a súa familia trasladouse a Taiwán. Estuda e dedícase á enxeñería informática nos Estados Unidos, de maneira que cando volve a Taiwán e realiza as súas primeiras películas, a súa formación e cultura é case máis occidental que chinesa. Yang, a diferenza doutros cineastas asiáticos, era un “forasteiro”, un outsider do que sempre se desconfiou no seu país, o que explica mellor a dureza e ironía coa que retrata a cidade de Taipei en varias das súas películas.
Afeccionado ao cómic e ao cine desde novo, a meritoriaxe na televisión foi o chanzo necesario que lle permitiría acceder á dirección cinematográfica con In Our Time (1982), película de episodios que representa o punto de partida oficial da Nova Onda Taiwanesa. Entre 1983 e 2000 realizará sete longametraxes, cheas de reviravoltas e ramificacións, películas presididas por mortes violentas, hábiles retratos femininos e fina sensibilidade.
John Anderson agrupa o seu cine en dous bloques, a “triloxía urbana” que compoñerían That Day, On The Beach (1983), Taipei Story (1985) e The Terrorizer (1986), próximas a Antonioni (modelo que Yang abandona e que tomará Tsai Ming-Liang), e as comedias negras que retratan o cinismo da enriquecida sociedade de Taipei dos noventa, A Confucian Confusion (1994) e Mahjong (1996). Fóra de catalogación quedarían as súas dúas obras maiores, A Brighter Summer Day (1991) e Yi Yi, películas que, para Anderson, emparentarían por temas e estruturas. Emilie Yueh-yu Yeh e Darrell William Davis estruturaríano co grupo dos melodramas modernistas dos oitenta, no que entraría a súa contribución a In Our Time e as tres primeiras longametraxes, e o das súas comedias posmodernas dunha década despois, A Confucian Confusion e Mahjong, seguidas da máis lixeira e humanista Yi Yi. De novo quedaría desemparellada A Brighter Summer Day, o seu título máis ambicioso e logrado, unha das obras mestras do cine contemporáneo. Con ela Yang decidiu ser o seu propio produtor coa compañía Yang and His Gang, o que explicaría a liberdade coa que rodou A Confucian Confusion e Mahjong, precedidas das súas primeiras experiencias como director teatral. Películas de personaxes nas que o diálogo predomina sobre a acción son como dúas pequenas pezas de cámara influídas pola linguaxe dos cómics. Con Yi Yi Edward Yang parecía reconciliarse con Taipei e coa vida. Estamos ante a súa película máis vitalista, a primeira na que unha das figuras paternas do seu cine é retratada positivamente. No momento do seu pasamento, Yang preparaba unha película de animación con/sobre Jackie Chan, The Wind, regreso de novo aos vínculos co cómic.
Agradecementos: Chinese Taipei Film Archive (Taiwán), Teresa Huang, Li Yang, Central Motion Picture Corporation (Taiwán), Timothy Chang, 3H Productions (Taiwán), Chuti Chang.